Monday 29 de April de 2024

Operarios proceden co pintado dunha nova zona azul na rúa Rosalía con 26 prazas de uso gratuíto por tempo limitado


Esta é a cuarta localización da cidade en que se implanta este sistema dende 2009

Despois de que no pasado mes de agosto fosen abertos dous aparcamentos disuasorios gratuítos nas contornas de Abesadas e do cemiterio municipal de Santa Uxía, o Concello de Riveira dá outro paso máis na reordenación do estacionamento nesta parte da cidade a través da apertura dunha nova área de zona azul na rúa Rosalía de Castro, unha das que máis actividade comercial rexistra da capital do Barbanza.

Neste senso, operarios comezaron no día de hoxe a realizar os traballos do pintado da zona azul, que se prolongará por toda a banda esquerda da vía indo cara á Casa Consistorial (a banda dereita mantén a súa natureza actual). Serán un total de 26 prazas, conservándose as áreas actualmente delimitadas como de carga e descarga.

Unha vez conclúan estes labores (está previsto que sexa entre hoxe e mañá) nos primeiros días terán carácter de sensibilización información aos condutores do novo carácter desta marxe da vía.

Cebreados
Así mesmo, aproveitouse este labor para pintar uns cebreados xunto aos pasos de peóns evitando que os vehículos se arrimen demasiado aos mesmos ao estacionar co fin abrir o ángulo de visión tanto aos peóns como aos condutores e reforzar a seguridade viaria.

Esta é a cuarta zona da cidade na que se implanta a zona azul de de que se comezou a implementar esta fórmula en 2009 (antes se actuou da contorna da praza dos Mariñeiros, na rúa Mariño de Riveira e no paseo do Malecón).

Cómpre lembrar que ao contrario do que sucede noutras localidades, o uso da zona azul ten carácter gratuíto, limitándose o tempo de estacionamento por un máximo de 90 minutos.